Reflexión V: Centro de Formación Padre Piquer
O Centro de Formación Padre Piquer é un espazo educativo transgresor en canto que vai máis alá das clásicas nocións sobre agrupamentos, profesorado e traballo do alumnado nas escolas máis tradicionais. Así, no Pedro Piquer as aulas medran en alumnado e en profesorado e ademais permítese a formación de grupos por intereses. Esta última cuestión paréceme moi suxerinte posto que un dos grandes retos dos docentes é a personalización da aula de cara á atención á diversidade do alumnado.
Considero que se trata dun concepto beneficioso para a aula de inglés, posto que permitiría crear "clusters" de alumnos en función dos seus intereses. Por exemplo, se na clase temos un grupo interesado na fonética da lingua, podemos darlle a ese conxunto de alumnos e alumnas actividades orientadas á pronunciación; mentres, aqueles con afección á lectura poderían formar un pequeno club, e os interesados na comunicación, artellar un proxecto de xornalismo audiovisual ou electrónico.
Paréceme que este xeito de agrupar as clases é moi interesante, aínda que corremos o risco de que os alumnos eviten exposición a tarefas que lle resultan menos naturais ou atractivas, pero que resultan vitais. Por exemplo, un neno ou nena ao que non lle guste falar en inglés –por timidez, por exemplo– podería inclinarse facilmente cara a participar en grupos focalizados en destrezas como a escritura ou a lectura. Non obstante, sería interesante que este estudante participase tamén dos grupos de expresión oral para fortalecer e afianzar unha destreza que o vai engrandecer como persoa e que pode resultarlle imprescindible nun futuro. Na miña opinión, debemos permanecer atentos ás inclinacións individuais sen deixar que os alumnos caian (e non saiban saír) da temida zona de confort.
Comments
Post a Comment